Un dos retos máis satisfactorios de 2015 foi levantar, xunto a grande compañeiros, Fairway, o primeiro congreso internacional dedicado ao Camiño de Santiago. Contamos experiencias e aprendizaxes, que foron moitos e moi bos. Traemos a colación o congreso porque o relatorio de Lena Waterfeld fíxonos profundar sobre a cuestión da seguridade individual cando estamos facendo turismo en lugares pouco a nada urbanizados pero que si contan con plans e promoción turística. E pensamos sobre turismo e seguridade: cuestión de imaxe ou de esixir responsabilidade.
O caso de Waterfeld tivo bastante difusión no seu momento. Lena acabou o Camiño de Santiago na etapa de Muxía; mentres exploraba a zona, desorientouse e acabou nunha zona de barrancos da que non puido saír. Houbo que mobilizar recursos de salvamento para sacar a peregrina dos cantís. Ata aí, todo lóxico: un mal intre durante unha vacacións no medio natural pero con final feliz. O caso seguiu cando a cidadá xermana atopouse cunha factura que lle reclamaba 4.600 euros, é dicir, os gastos derivados da mobilización de recursos necesarios para completar o rescate.
E a partir de aí comeza un cruzamento xudicial que aínda segue.
Este testemuño fíxonos pensar sobre os imprevistos que se nos poden cruzar cando estamos facendo gozando de vacacións nun destino que non é completamente urbano; con isto queremos dicir que podemos visitar lugares cun pouco máis de dificultades en canto ao acceso ou algo máis esixentes en canto ao esforzo físico. Practicar esta actividade unha ou dúas veces non nos converte nin en deportistas imprudentes ou en alpinistas novatos, do mesmo xeito que ler un libro de anatomía non nos converte en médicos. Nin moito nin pouco.
Poñamos un caso concreto: Perú
O antigo imperio inca é un destino turístico en auxe dentro do competido mercado suramericano. Existen moitos e bos motivos para planear unha viaxe ata o país do cóndor: unha gastronomía envexábel, algunhas das pezas artísticas máis singulares do barroco colonial español e si, as ruínas das maxestosas cidades precolombianas: Machu Picchu ou Ollantaytambo en Cuzco, onde atopamos un Camiño Inca; o ecoturismo na zona da Amazonía peruana… Como poden comprobar en Google, non se trata de lugares aos que sexa moi sinxelo acceder: as marabillas arqueolóxicas están situadas, como calquera cidade da antigüidade que quixese durar máis de dúas primaveras, no máis alto dun sistema montañosos. Trátase dun país situado a gran altitude cunha exuberante riqueza natural, así que, como organizan as autoridades peruanas o seu trato cos turistas que chegan doutros países americanos ou de Europa?
Pois fedellando un pouco, atopámonos con que o concepto de policía turística está bastante desenvolvido. Vimos antes este tipo de divisións nos corpos de seguridade: cidades como Tenerife, Madrid ou Alacante contan con este servizo dentro da Policía local. É máis coñecido o corpo policial dedicado ao turismo en Cuba.
Pero chamounos a atención a dedicación integral que dedica o Estado peruano á protección do turismo, composto por lugares e obras que integran o catálogo do Patrimonio da Humanidade da Unesco. Xusto como Santiago e o Camiño.
Un turista estranxeiro que aterra en Perú recibe unha tarxeta con números de urxencia aos que recorrer en caso dalgún percance. A tarxeta emitida por iPerú proporciona números de teléfono aos que chamar en caso de incidencia tanto en cidades como nos xacementos arqueolóxicos ou en paraxes naturais onde pode suceder calquera incidencia.
Como vemos, o goberno de Perú ten claro que non vai pasar os gastos dun rescate aos turistas que sufriron esta desgraza. Xa bastante ten un pobre viaxeiro co susto, como para cantar bingo cando chegue á súa casa e atópese as frías facturas. Pero, a estratexia peruana é especialmente sensible ás posibles consecuencias que pode ter para o turismo que chegue desde o país da persoa afectada: si convértese nunha advertencia, si avísanche nas axencias que a todos os turistas que accidentalmente teñen un problema, ademais de pasar o grolo, custaralle diñeiro, o atractivo turístico sufrirá unha diminución. Teñen claro que como transcenda nos medios de comunicación pode baixar puntos porcentuais nas próximas estatísticas de afluencia de visitantes. É imaxe de país, e parécenos bastante acertado sinceramente.
O caso de Waterfeld pode ter varias explicacións: pode ser que alguén entenda que realizar o Camiño de Santiago é unha actividade deportiva que necesita federación e seguros de viaxe expedidos pola asociación pertinente. Unha noticia: percorrer o Camiño de Santiago non é unha actividade deportiva, aínda que haxa quen llo suscite deste xeito, pero trátase da excepción, non da norma. Outra explicación é o clásico politiqueo: xogar o papel de estrito gardián das contas públicas e aplicar unha penalización exemplarizante a unha persoa que, por fortuna, non vota nas eleccións locais nin autonómicas. Unha forma cativa de dicir “quen a fai, págaa” con poucas posibilidades de atopar unha resposta en forma de sufraxio.
Pero non é asunto noso o discernir os motivos desta penalización. Iso si, fíxonos pensar na necesidade de aumentar a seguridade. E seguridade non sempre significa máis axentes da autoridade en tal ou cal lugar, senón un plan coordinado, realizable e unificado que entendan todas as administracións públicas.
Sería posible garantir unha asistencia aos peregrinos do Camiño de Santiago? Que acordos serían necesarios? Seica o Camiño de Santiago, a cidade de Compostela e tantas outras cidades e lugares da ruta non son Patrimonio da Humanidade? Penalizar á industria que move máis dun 20% do PIB galego en lugar de traballar por mellorar os seus servizos estruturais é un movemento acertado?
Como vedes, acabamos con máis interrogantes que respostas pero se trata dun asunto que merece un tempo de debate. Nós, desde logo, optamos pola opción peruana.
Que vos parece?