Que vivimos na era do audiovisual non é un segredo. Todo pasa pola imaxe ou o vídeo e o noso negocio, xa sexa un hotel, un restaurante ou un camping, necesita amosarse dun xeito visual a clientes potenciais e habituais mediante imaxes. Xa non basta con ter un “book” das instalacións ou o menú, a xente quere meterse no noso día a día e saber os detalles: como compramos, como cociñamos, como preparamos as habitacións ou como se reflicte o sol no verán na nosa piscina. Convertémonos en voyeurs do que nos rodea e non nos molesta que haxa unha intención de promoción detrás se é belo, apetecible ou sorprendente, encántanos.
A clave para que as nosas mensaxes sexan atractivos nas redes sociais é xustamente esa: espir o noso día a día e mostrarllo ao mundo. Ademais de permanecer na memoria dos nosos clientes, chegaremos a máis xente que antes ou despois, por curiosidade, virán a visitarnos.
5 consellos para sacar o mellor do noso negocio en fotos
Non deixes que a preguiza ou o non ter un bo equipo arruíne a túa estratexia dixital. Todos dispoñemos dunha cámara, mellor ou peor, que nos permitirá, grazas a algúns trucos, sacar fotos cunha calidade mínima. Toma nota:
- Escolle o momento
Produtos de boa calidade que usas na túa cociña, momentos divertidos do teu equipo, espazos que polo momento do ano sexan especialmente atractivos, actividades especiais… Busca aquelo que che diferencia da competencia e que “aporte valor” aos teus seguidores.
- Pecha o plano
Si non dispós de gran destreza á hora de facer fotografías, intenta pechar o plano e enfocar ao máximo o que queiras retratar. Por exemplo, se se trata dun peixe fresco, intenta que na imaxe non queden grandes marxes aos lados do exemplar. Mellorarás a calidade e mostrarás só aquelo que queiras ensinar.
- Busca luz
Intenta, na medida do posible, que cando saques a foto te atopes nun espazo suficientemente iluminado.
- Usa filtros
Hoxe en día case todos os dispositivos dispoñen de filtros que lle darán un toque orixinal á imaxe.
- Edita a imaxe
Existen editores de foto moi sinxelos de manexar que che permitirán recortar ou mellorar a luz ou as cores ao teu gusto. Ata podes incorporar algunha frase, por exemplo, desexando que os teus seguidores gocen dun bo fin de semana. Deixámosvos enlaces a algúns programas gratuítos de edición de imaxe:
Para móbil: Cymera , Shape´d
Para ordenador: Eezpix , PicMonkey
Cun pequeno esforzo veredes un gran impacto nas vosas vendas e poderedes saber que é o que máis lle gusta á vosa audiencia. Non deixedes de intentalo! E si necesitades axuda cos primeiros pasos, Mr Turismo sácavos do apuro!