Cando alguén nos fala de vacacións, de viaxar, o primeiro que se nos vén á cabeza son todas esas preguntas que se adoitan facer, aínda que sexa por cortesía. Preguntas como “Onde vas?”, “Canto se tarda en chegar?” ou “Cantos días vas quedar alí?”, son algunhas das máis frecuentes á hora de tentar establecer unha conversación sobre esas merecidas vacacións que alguén vai gozar mentres a ti aínda non sabes se poderás ir este fin de semana ó pobo por causa da cantidade de papelorio que hai por solucionar encima da mesa do teu despacho.

Se nos paramos un momento para pensar, todas esas cuestións están relacionadas de maneira directa co destino de chegada. Pero… e se todas esas preguntas non tivesen unhas respostas concretas? E non, non estamos a falar de presentarnos no aeroporto e coller o primeiro voo que teña cancelacións de última hora para aforrarnos uns eurillos, estamos a falar de algo que estamos cansados de ler en libros, de ver en películas ou mesmo que practicamos nalgún momento das nosas vidas, algo con nome e apelido, as chamadas “Rutas Escénicas”.

Quizais nun primeiro momento, o nome non nos diga nada, ou mesmo nos evoque a unha idea equivocada das mesmas, e é que non, o termo “escénicas” non fai referencia á palabra escenario ou ao verbo escenificar, así que xa podemos quitarnos da cabeza a idea desas rutas teatralizadas que se realizan para darlle un indicio de interpretación a un recurso turístico.

E entón… que é exactamente iso das Rutas Escénicas? Pois ben, como dicía Jack o Destripador, vaiamos por partes.

Seguramente todos oímos falar da coñecida Ruta 66, ese longo camiño que percorrían os emigrantes que se dirixían cara ó oeste, pero sen un destino concreto de chegada durante os anos 30. Pois aí atópase en parte o quid da cuestión, en percorrer quilómetros e quilómetros sen un rumbo fixo, aínda que a diferenza daqueles emigrantes, gozando do camiño.
Outros casos similares que cada vez soan con máis forza (situados na súa maioría no continente americano) son os de El eje cafetero de Colombia (unha apaixonante ruta pola paisaxe colombiana declarada Patrimonio Cultural da Humanidade pola Unesco), a ruta de Los siete lagos argentinos (un percorrido por A Patagonia a través da estrada nacional que atravesa todo o país) ou a Peter-Norbeck Scenic Highway en Dakota do Sur (incorporada na America´s Byways, trátase de 109 km de natureza e grandes infraestructuras de estrada na famosa área protexida de Black Hills).

Agora que xa sabemos máis ou menos por onde van os tiros, entremos un pouquiño máis en materia. Para ser máis exactos coa definición, basearémonos nas palabras duns especialistas na materia. Segundo Jorge Daries e Daniel Matei nun proxecto realizado para a empresa madrileña TMR Experience, as Rutas Escénicas poden definirse como “estradas, camiños ou redes de camiños pensados para percorrelos sen présas e gozar das paisaxes“… “é gozar dun destino itinerante que se abre a múltiples destinos paralelos“.
Outro punto forte a destacar desta clase de rutas é o seu carácter multiproducto, xa que as persoas que deciden gozar delas non teñen que ter unha única motivación ou un único interese. Esta clase de experiencias, non se poden catalogar dentro dun tipo de turismo determinado, xa que día a día o turista pode nutrirse de matices culturais, naturais, gastronómicos ou mesmo gozar do turismo de saúde ou de sol e praia, dependendo dos camiños e das paradas que o turista decida escoller dentro das diferentes ramificacións que este novo modelo turístico pode ofrecer.

Pero aínda que isto das Rutas Escénicas pareza algo moi sinxelo, converter unha simple estrada ou camiño nunha Ruta Escénica, é algo que leva moito traballo por detrás, pero que tamén activa de maneira inmediata o efecto multiplicador do turismo por todo lugar polo que transcorre dita ruta. Chegados a este punto… calquera estrada ou camiño pode ser susceptible de converterse nunha Ruta Escénica? Para poder contestar a esta pregunta, debemos de basearnos en dous aspectos:

    1. A avaliación do seu atractivo (capacidade de atraer e motivar ao turista).
    Para iso, primeiramente, debemos de delimitar a Área visual, ou o que vén sendo o mesmo, canto maior número de cousas interesantes abarque a vista, mellor. Isto serviranos para poder identificar onde colocar miradoiros, paradas con aparcadoiro, merenderos… Seguidamente, debemos de delimitar a Área turística, o soporte da ruta, que aínda que non teña unha delimitación física, si contará cos accesos aos principais atractivos e servizos vinculados á ruta (tanto básicos como complementarios). Unha vez terminada esta fase, xa se pode reafirmar ou rexeitar a idea de converter a área nunha Ruta Escénica.
    2. Deseño e creación da Ruta Escénica como produto turístico exposta nunha folla de ruta concreta.
    Trátase de concretar absolutamente todos os aspectos da ruta, desde a experiencia que queremos crear, ata a imaxe de marca da mesma (pasando por aspectos técnicos como a sinalización, accesos, seguridade…).

Agora que xa podemos considerarnos uns roockies da materia, creedes que isto das Rutas Escénicas tería cabida en España? Ou máis concretamente… en Galicia? Se nos paramos a pensar, o Camiño de Santiago como algo non relixioso, senón como algo máis espiritual, unha experiencia vital, sen pensar en Santiago como unha meta, poida que nos lembre un pouco á definición anteriormente citada de Ruta Escénica. E os coñecidos trens turísticos?, tamén son unha forma de Ruta Escénic, non creedes? Ao final resulta que este tipo de rutas están máis preto do que pensabamos non?

En fin, poderiamos pasarnos horas falando das Rutas Escénicas, pero preferimos rematar coas palabras que o escritor de A Illa do Tesouro dixo no seu día e que ao noso parecer, resume a esencia deste tipo de rutas:

“En mi caso, no viajo para ir a un lugar en particular, sino por ir. Viajo por el placer de viajar”


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *