Saltar ao contido
Blogue / A revista gastronómica BenBo cumpre dous anos adicada a vós, salmóns

A revista gastronómica BenBo cumpre dous anos adicada a vós, salmóns

revista gastronómica benbo nº6

A chegada de decembro-xaneiro é moi especial para nós. O novo número da revista gastronómica BenBo saíu da imprenta camiño dos benditos suscriptores por sexta vez. Ou sexa, que facemos dous anos. Para algúns permanecer vintecatro meses activos será máis ben pouco, pero para un produto como BenBo, é unha heroicidade.

E imos a por moitos máis números.

Os socios fundadores do proxecto Ana García de Trevisani, o reputado xornalista e gastrónomo Miguel Vila e quen aquí escribe, iniciamos este camiño cunha etiqueta sobre a cabeza: tolos. Calquera que quixese escoitar de que ía o proxecto BenBo aconsellábanos, con toda a boa intención do mundo, que quizais había outras formas mellores de tirar os cartos. Cando vían que insistiamos na necesidade dunha revista dedicada á gastronomía galega desde un punto de vista gourmet –con todo o que implica, a saber, redactores de prestixio, contidos de valor extraordinario e maquetación, fotos e edición de luxo— suxerían, con discreción, que se cadra nos chovía na chencha, mentres ao noso ao redor a edición en papel caía a cachos.
Fixemos da necesidade virtude e dixemos a nós mesmos que non estabamos tolos, senón que eramos salmóns. Nadamos a contra corrente porque cando unha minoría sostén unha idea correcta, ésta xa non é minoritaria senón un anticipo do que está por vir. Aínda que o máis complicado de todo non é lanzarse a actuar, senón planear como levalo a cabo dunha forma diferente, realista e sostible.

Só pode medrar, así que optamos por definirnos como salmóns: nadamos ao contraxeito para prosperar.

Agora decatámonos de que nin estabamos tan errados nin somos tan salmóns. Os auténticos reis do río son vostedes, lectores e suscriptores: aqueles que apostaron por dar unha visibilidad diferente a todo o traballo culinario que se fai desde Galicia. Os que valoran o esforzo, a presentación e os contidos útiles e de calidade.

Grazas por permitirnos chegar ata aquí, queremos seguir abrindo as fiestras do mundo á gastronomía atlántica feita in Galicia.

Seguimos cos agradecementos, así que non podemos esquecer ás empresas que apostaron por nós e acompañaron desde o principio de BenBo ata a data: os nosos compañeiros de Aceites Abril, Bodegas Godeval, Denominación de Orixe Ribeiro, Pousadas de Compostela e as últimas incorporaciones, Altos de Torona e Petroni.

Tampouco queremos esquecer ás institucións que prestaron a súa axuda para que o proxecto saíse adiante, como a Sociedade Galega de Cooperativas, o selo Galicia Calidade e a Consellaría de Medio Rural e Mariño.

Por suposto, mil grazas a todos aqueles cómplices na elaboración dun artefacto exquisito como é cada exemplar de BenBo: a maquetación de Con C de Comunicación e o traballo de impresión de Tórculo son os responsables dese aspecto lustroso e perenne da revista. A eles grazas, de novo.

At last but not least nosa eterna gratitude a todo o equipo de redactores, fotógrafos, comerciais, administrativos e colaboradores que deixan o seu traballo e sentimento en cada folla da revista. Todos os que puxeron o seu empeño, a súa labor, talento e tempo neste proxecto saben que non nos esquecemos deles. Grazas, non nos esqueceremos de compensalo con fartura.

De forma particular, quero confesar que teño un agarimo especial a todos e cada un dos amigos que fixeron posible isto. Case dan ganas de saír á rúa para buscalos e darlles unha suscripción a BenBo pola fe cega que tiveron, polas ganas de axudar que demostraron. Deixaron ao carón rendementos económicos inmediatos e tampouco repararon moito nas sutilezas do proxecto. Foi un auténtico salto de fe.

A todos grazas por non fallar nunca.

Tampouco deixamos no esquecemento aos que estiveron pero xa non figuran. Ou aos que non quixeron participar. BenBo tamén é seu e sempre o será.

Ogallá os nosos camiños vólvanse a atopar de novo en BenBo. Saben que esta sempre será a súa casa e haberá un lugar para eles na mesa porque nunca perderon un sitio no noso corazón. As circunstancias ou as situacións polas que xa non puideron continuar ao noso lado pertencen ao pasado e BenBo sempre agradecerá o tempo e a dedicación que ofreceron, aínda que só fose para escoitar de que ía todo ese tinglado.

E ao meu querido Miguel Vila, currante, capitán esixente e rigoroso desta nave chamada BenBo, só podemos dicirlle que a próxima vez que se che ocura que “hai que facer algo” mellor non nolo contes, non vaia a ser que che fagamos caso outra vez e volvamos a lear.

Grazas capitán pola túa confianza incondicional.

E a vostedes, queridos lectores desta bitácora, invítolles a coñecer algo máis deste complot chamado BenBo. Queremos os mellores sabores e os arrecendos máis subtís. Adoramos o atrevimiento nas texturas e a ousadía nas presentacións. Reivindicamos o noso tempo porque comer non só é mastigar e tragar, senón coñecer e lembrar.

Non esquezan que detrás de todo isto sempre hai persoas. Perdón, salmóns.

Etiquetas:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *