Como sempre din, o importante na vida é non desistir. A tenacidade é un grado, caerse e levantarse é o verdadeiro truco para que as cousas vaian saíndo. Sempre me dixen que si tes claro o que queres facer, as cousas non son para non facerse pese ás dificultades, senón intentar acertar co concepto para que funcionen.
Un claro exemplo de todo isto é a última volta de tuerca no mundo das publicacións que lle demos a un dos proxectos nos que Mr Turismo, Miguel Vila, Trevisani e un excelente grupo de, primeiro amigos, e logo excelentes profesionais, unímonos para facelo realidade. Fálolles do proxecto BenBo, medio de comunicación gastronómico dixital a través da súa plataforma www.benbo.eu e que cada 4 meses imprime baixo demanda unha revista de gastronomía, baseado no produto e que a través del entramos nos fogóns, nas nosas comarcas, nas nosas adegas e por suposto nas persoas que día a día, e dun xeito ou outro, senten a gastronomía de Galicia como algo seu.
Para chegar ata aquí o camiño foi duro. Alá por onde me movía sempre, por sorte, con algunha escepción, atopábame miradas e comentarios que non só desanimaban senón que ademais era lóxico que así pensasen. Abrir unha revista cando a maioría agonizan ou pechan, cando a publicidade non está á baixa senón que nin existe e coas institucións que agonizan nesta crise que pode con todo, era normal que a súa reacción fose de que hai que estar un pouco tolo para poñerse con isto coa que está caendo.
Pero a tenacidade, e as voltas, fixéronnos chegar a un modelo de negocio que non podemos dicir que sexa novedoso aínda que case. Os trucos pasan polos custos cunha tirada axustada ao que necesitas (cousas da impresión dixital), por apoiar a edición impresa cun marketing dixital de xornalismo gastronómico que cubra un nicho que criamos que en Galicia existía e que merecía a pena intentalo. E a publicidade, esa publicidade inexistente transformámola en personalizar as portadas e nalgún caso, algún contido, podendo imprimir edicións limitadas para empresas ou institucións que queiran compartir os contidos de BenBo coa súa marca para os seus clientes ou promocións. E iso é o que nos dará tirada, e o que nos diferencia do mercado editorial tradicional.
E seguindo o noso espírito salmoneiro de loitar contracorrente, aquí estamos con este BenBo que en 3 meses xa nos está dando satisfaccións que non só o vai a converter nun proxecto optimista se non que quere demostrar que o imposible é viable e a maxia está na terquedade ben entendida, en facer as cousas con rigor, cun pouco de creatividade, sen perder a perspectiva de cara a onde queremos ir, rodeándote da xente axeitada co mesmo optimismo, tolemia e tenacidade ca ti. Fixemos moito en 3 meses…que non faremos en 3 anos. Longa vida a BenBo.