Saltar ao contido
Blogue / Camiño Obradoiro, un paso cara á promoción turística integral de destino

Camiño Obradoiro, un paso cara á promoción turística integral de destino

Promoción turística

Etapa-6-Camino-Obradoiro-Dani-Masso-Promoción turística

Quizais é porque estamos nun ano minado de procesos electorais pero facía bastante tempo que non atopabamos tantas ideas, propostas e compromisos impulsados desde poderes públicos locais para a promoción do Camiño de Santiago nas súas diferentes variantes; pero tamén comprobamos en Santiago que a idea da promoción integral de destino é un principio que se implanta con forza e éxito na estratexia de difusión da marca #Santiago. Un exemplo que nos gustou moito foi a iniciativa de O Camiño remata no Obradoiro, no que o equipo de comunicación do CAB Obradoiro lanzouse á promoción do club de baloncesto a través do Camiño de Santiago co antigo xogador da NBA e ex All Star, Terry Porter ; Camiño Obradoiro dá un paso cara á promoción turística de destino.

A iniciativa pivotou sobre tres conceptos: promoción do Camiño de Santiago e os seus valores; a filantropía e a difusión da campaña a través de redes sociais na mesma medida que en medios tradicionais.

O público ao que vai dirixido esta campaña é fundamentalmente norteamericano xa que se trata dun dos nichos nos que o Camiño de Santiago experimenta un crecemento moderado pero sostido.

Para alcanzar unha maior difusión, contaron coa colaboración dunha personalidade facilmente recoñecible: Terry Porter, un atleta profesional dun dos tres grandes deportes, serve para enganchar á audiencia. A efectividade deste plan comprobámolo fai uns anos co programa sobre gastronomía española que conduciu a actriz Gwyneth Paltrow. Porter percorreu os últimos tramos do Camiño Francés (desde Sarria ata Compostela) en compañía de peregrinos, algúns afeccionados ao baloncesto e por suposto, o equipo audiovisual que rodaba o documental Terry Porter: O Camiño acaba no Obradoiro.

Os beneficios recadados polas actividades que se programaron en cada tramo destináronse á entidade Boys & Girls Club of Portland Metropolitan Area, dedicada á atención dos mozos en risco de exclusión social desta cidade da Costa Oeste dos Estados Unidos; ademais, Porter quere impulsar unha beca deportiva para mozas a través da Fundación Heracles.

O club implicouse non só co impulso á iniciativa, senón que foi compasando cada chegada de Porter cos partidos que disputaba en casa o Obradoiro. Recordamos que o club da nosa cidade non só recolle afeccionados composteláns senón que é o referente para A Coruña e Pontevedra, polo menos. Na etapa final, todo o equipo do Obrase uniu a Porter e camiñaron xuntos desde Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro.

Unha excelente forma de promocionar a un tempo a marca do teu equipo, que coincide coa meta do Camiño e o nome da cidade.

Todo nun, gran xogada.

Ademais, o Obra xogará un partido dedicado ao Camiño de Santiago.

Pero non só dos eventos off line viviu o proxecto. Unha sólida rede de comunicación en liña sementou as redes sociais de atención cara á iniciativa. Perfís activos, un webdoc dispoñible, rexistro puntual de cada etapa e un blog actualizado.

Cada etapa do camiño contou con pequenas cápsulas en forma de vídeos dun minuto ou dous nas que Porter ía explicando como se atopou en cada etapa, as dificultades ou o que lle asombrou de cada pobo que deixaba atrás.

Para resumilo: explicou a súa experiencia.

E aquí é onde queremos chegar.

O noso cabalo de batalla particular foi facer entender que a competición turística non se pode gañar indo cada establecemento pola súa conta: un hotel con encanto pode sobrevivir os anos que sexan; un restaurante de referencia aguantará tamén. O mesmo para campings ou casas rurais. Pero asegurarse unha marca é outra cousa. Trátase, como ben intuíron os amigos de Camiño Obradoiro, de integrar todos os valores, de compactar unha oferta e de xerar unha marca que englobe un concepto indeleble. Isto é, por exemplo, Camiño de Santiago: deporte, vida saudable, experiencia coa natureza e con persoas de todo o mundo, un pouco de desconexión coa vida rutineira, solidariedade, arte e gastronomía.

Baixo ese manto podemos operar e vender un destino. Hoxe en día non é tan fácil resgardarse baixo o ?sol e praia? dos anos setenta, un concepto difuso no que caben todo tipo de perfís de hostelería e destino. O noso é máis concreto, máis particular pero hai que aproveitar que o mundo demanda experiencias concretas ademais da consabida relaxación no gharito da praia máis abarrotada do sufrido Mediterráneo.

Como sempre repetimos: hai potencial, hai que crerllo, hai que implicarse e apostar. Alédanos que unha institución aparentemente lonxe do sector turístico entenda a necesidade de que todos rememos na mesma dirección para xerar unha marca potente con Santiago de Compostela.

E a vostedes que lles parece?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *